O Catastro Inmobiliario é un rexistro administrativo dependente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no que se describen os bens inmobles rústicos, urbanos e de características especiais. A descrición catastral dos bens inmobles inclúe as súas características físicas, económicas e xurídicas, entre as que se atopan a súa localización, referencia catastral, superficie, uso, cultivo, representación gráfica, valor catastral e titular catastral.
A Dirección Xeral do Catastro é, dentro da Secretaría de Estado de Facenda, o órgano directivo que ten encomendada a formación e o mantemento do catastro inmobiliario así como a difusión da información catastral, funcións que exercerá directamente ou a través das distintas fórmulas de colaboración que se establezan coas diferentes administracións, entidades e corporacións públicas.
A Dirección Xeral do Catastro desenvolve as súas funcións a través dos servizos centrais e os servizos territoriais, estes últimos constituídos polas xerencias rexionais, territoriais e subxerencias. Tamén existen máis de 3.500 puntos de información catastral (PIC), situados principalmente en municipios e deputacións distribuidos ao longo de todo o territorio, nos que se pode obter información, certificados e outros servizos catastrais.